Move a Lingua! Día dos Medios en Galego 2023
Cada 7 de febreiro Galicia celebra o Día dos Medios en Galego. Unha data que lembra asaída da primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua. Aló por 1876, Valentín Lamas Carvajal editaba en Ourense ‘O Tío Marcos d’A Portela’.
En 2023, somos máis de 130 medios o que utilizamos a nosa lingua como vehículo, como ferramenta, como obxectivo en si mesmo. 130 medios polos que que en cada rolda de prensa, en cada boletín informativo, en cada noticia, reportaxe, entrevista, infografía… a lingua e a ollada galega están presentes. Nas ondas, na rede e no papel. 130 medios que dignificamos, facendo máis útil, a nosa lingua.
A día de hoxe, cento de cabeceiras conformamos a AMEGA. E para seguir movendo a nosa lingua, e catapultala entre a nosa mocidade, organizamos unha xornada festiva con dúas das referencias máis relevantes no panorama musical galego.
O xoves 9 de febreiro, a partir das 20:30h, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Santiago, organizamos un minifestival de música galega contemporána na Sala Capitol cos concertos de Grande Amore e Ortiga.
O evento será de balde ata completar aforo, pero cómpre sacar as entradas a partir das 12:00h deste martes 2 de febreiro en www.ataquilla.com e www.salacapitol.com.
Previamente, celebraremos o Día dos Medios en Galego o propio 7 de febreiro, cunha rolda de prensa de presentación no Pazo de San Roque, na sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ás 11:00h, coa presencia de Valentín García (SXPL), Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, e o artista Ortiga.
https://mediosengalego.gal/move-a-lingua-dia-dos-medios-en-galego-2023/